Cando Compostela non sexa capital cultural

Compostela Capital Cultural. Así reza o slogan do Concello de Santiago facendo referencia á tradición cultural e artística da capital de Galicia que debería servir como exemplo as outras cidade galegas. Nos últimos anos, para os artistas por un lado e o axuntamento pola outra a cultura, en concreto a música para uns e ruído para outros, parece ser a mazá da discordia.

O Concello de Santiago de Compostela aprobou a finais de novembro do 2013 un decreto polo cal se establecían na capital galega certas “normas reguladoras da realización de actividades artísticas na vía pública promovidas por particulares”. A través deste decreto calquera artista que traballase na rúa debería presentar unha solicitude perante o concello  e a continuación realizar unha proba onde sería avaliado o seu talento artístico.

O nacemento desta lei confrontou a visión dos artistas da rúa, unha parte deste colectivo aprobaba a regularización da súa actividade e o seu recoñecemento como artistas mentres que a parte máis “libertaria” defendeu a opinión de que “a rúa é de todos” e non se debería coartar a súa actividade artística por medios lexislativos.

Bieito toca a gaita na rúa de Santiago de Compostela, habitualmente no Arco de Xelmírez. El está de acordo coa regularización da súa actividade e é consciente de que existe outro punto de vista “máis hippie” que defende a libre realización de actividades na rúa. O gaiteiro do Arco de Xelmírez considera que é preciso que se lles “recoñeza como artistas” a través das probas aínda que lle resulta un chocante que as probas se realicen en Tráfico xa que “parecemos un pivote, non músicos, artistas ou profesionais”.

Bieito no Arco de Xelmírez. E.B.
Bieito no Arco de Xelmírez. E.B.

Aaron, un guitarrista da Rúa do Vilar, leva tocando na vía pública dende fai cinco anos. Comezou a tocar en Pontevedra e mudouse a Compostela porque a súa parella residía na cidade. El tamén está a favor da realización destas probas xa que en moitos casos é ben certo que o son da rúa pode chegar a molestar pois tamén toca xente moi pouco profesional na rúa. “O problema non é que fagan o ridículo porque hai moita xente que non ten sentido do ridículo e iso non é preocupante. O que ocorre é que en ocasións  o son convértese en ruído e molesta ós veciños e os donos dos establecementos da zona o cal é comprensible”.

Na Rúa do Preguntoiro, paralela á anterior, séntase coa súa guitarra e a súa harmónica o artista venezolano Juan Carlos [non é o seu verdadeiro nome]. O músico concorda co que di o seu veciño e compañeiro de profesión: “Los turistas aprecian lo que hacemos pero los de los locales no tanto. Comprendo que tener a un tipo que esté dándote el coñazo todo el día y día tras días con las mismas canciones. Es comprensible que canse”.

Aaron na Rúa do Vilar. E.B.
Aaron na Rúa do Vilar. E.B.

Aaron apuntou que cando el fixo as probas recoñeceu que os membros do xurado eran moi dispares. O guitarrista conta que cando chegou á sala onde agardaba o xurado entregoulle unha copia da partitura a cada membro para que seguiran a súa peza. “Entre o xurado recoñecín directora do Conservatorio de Santiago e cando lle fun dar a partitura un deles contestoume que escusaba darlla que el non sabía lela”.

Ao mesmo tempo, hai outros músicos que non realizan estas probas e tocan na rúa de forma irregular. Este é o caso de David, un rapaz lucense que toca a guitarra sentado na Rúa Nova. Con el atopábase Isabelle Wolff, unha peregrina acabada de chegar de Alemaña que lle pediu permiso a David para xuntar as notas do ukelele que traía as da guitarra del. David di que “ao comezo daban permisos para tocar na vía pública a quen os pedía pero cando regularon o das probas eu non me presentei”. Sen embargo, o lucense nunca tivo problemas coa policía. “Teñen [a policía] pasado de min centos de veces pero nunca din nada a menos que alguén os chame porque estás molestando”.

David e Isabelle na Rúa Nova. E.B.
David e Isabelle na Rúa Nova. E.B.

Alén desta normativa pola cal os músicos han de presentar unha solicitude e realizar unha proba para tocar na vía pública, o Concello implementou outras medidas que, para algúns, están facendo esmorecer a vida cultural da capital galega. Unha delas é a prohibición do uso de “aparellos reprodutores de son, altofalantes” debendo realizarse “de viva voz ou cos instrumentos sen amplificación de son”.

Con respecto a isto, Juan Carlos, o artista venezolano que acompaña a súa voz con un aparato de reprodución, indica que “cada vez prohiben más cosas. Ahorita prohibieron amplificación de todo tipo” e engade sinalando os seus altofalantes “yo ya estoy incumpliendo la norma”. “Prohibieron la percusión y qué van a prohibir ahora? Los instrumentos de viento?”. Juan Carlos fai fincapé en que agora tamén están recortando número de permisos que se conceden para artistas que tocan na rúa e cada vez faise máis difícil poder exercer a súa actividade.

Se ben é certo que os locais enquisados non manifestaron estar molestos cos seus veciños artistas hai plataformas cidadás que levan anos loitando por unha cidade silenciosa. Compostela Sin Ruido é o máximo expoñente desta postura. Os músicos que tocan na vía pública non son o único target que pretende silenciar esta asociación de veciños da zona vella. A agrupación arremete contra bares nocturnos, pubs e locais con música en directo reivindicando o seu dereito á saúde e demanda o cumprimento da lexislación por parte das asociacións.

Nos seus escritos fan mención especial ós músicos que tocan música ó vivo na rúa e “animan a participación cidadá”. Este irónico chamamento á cidadanía ten como finalidade que “aparezan voluntarios para admitir debaixo das súas ventás ós trobadores urbanos” para que desta maneira “inunden de decibelios tódolos recunchos da cidade e así todos estaríamos contentos”. Compostela Sin Ruido pretende, deste xeito, criticar a “desproporción inxusta para a cidade histórica que ten que acoller alí tódalas músicas impostas nas rúas e nas bares”.

É salientable a insistencia coa que este grupo demanda por parte do Concello da capital a pena de multa para os locais con música en directo. Poucos meses atrás, despois da imposición dunha multa cuantiosa ó local Burriquito de Belém  e outros dous establecementos máis por organizar concertos en vivo, o músico compostelán Fon Botana emitiu un comunicado culpando da decadente situación cultural de Galicia ó axuntamento e ás asociacións Compostela Sin Ruido e A.C. Cidade Vella.

Ante esta iniciativa veciñal e ás restricións excesivas por parte do Concello os artistas musicais das rúas de Compostela xuntáronse nun sindicato chamado Músicos ao vivo. Esta asociación recolle na súa web os estatutos profesionais e culturais e entre as súas finalidades atópanse “fomentar a solidariedade entre os afiliados”  e reivindicar os seus dereitos como profesionais e artistas.

Neste sentido, os músicos da rúa teñen a súa propia organización interna. O exemplo paradigmático é o establecemento de quendas para a ocupación dun dos lugares máis cobizados da cidade: o Arco de Xelmírez. Ao pasar polo arco pódese ver entre as pedras unha folla escrita onde se recollen as quendas de cada músico acordadas previamente. Alén disto, tamén fan rotacións máis ou menos preestablecidas coa fin de mudaren eles de público e, ao mesmo tempo, non resultárenlles repetitivos ós donos dos establecementos.

Bieito, o gaiteiro barbudo que lle pon son ó arco do Obradoiro, explica que “Múscos ao vivo é un sindicato que se creou para defendelos nosos dereitos e conseguir cousas tan básicas como estar asegurados e gozar de dereitos laborais como calquera outro profesional”.

Neste senso de irmandade, Juan Carlos indica que “los que tocamos en la calle nos conocemos todo. Cuando nos impusieron esas condiciones tan difíciles para tocar acá nos reunimos todo para hablar del tema y ponernos de acuerdo”.

Á beira do sindicato Músicos ao vivo tamén xurdiu a plataforma Compostela Territorio Cultural coa fin de revivir á música en directo nas noites compostelás e loitar pola cultura alén de museos e monumentos. A súa demanda principal foi, e segue sendo, a implicación do Concello nas actividades culturais da cidade e unha relaxación no regulamento que permita que florezan novas propostas.

Neste marco, os músicos da cidade defenden a súa profesión e aseguran que é posible gañala vida facendo o que lles gusta dunha maneira digna.  O guitarrista da Rúa do Vilar, Aaron di que el se gaña a vida como músico. “Toco nunha orquestra e toco na rúa. Ademais teño un grupo de metal en Pontevedra cos meus colegas e facer concertos de vez en cando aínda que sexa por amor o arte”.

Bieito di que hai unha boa cantidade de músicos que se dedican a tocar na rúa, sobre todo no verán cando hai máis turistas  é unha importante fonte de ingresos. Polo seu lado, David indica que el non se dedica a iso profesionalmente senón que está estudando na cidade e aproveita para sacarse unha pequena cantidade de cartos facendo o que lle gusta.

Juan Carlos coincide con Aaron en que tocar na vía pública é a metade de algo. “Yo hago bolos, toco con orquesta y me busco la vida como músico por otra parte”. Insiste en que ser músico na vía rúa non adoita ser aportarche un soldo completo e que debes  ter outra fonte de ingresos.

Juan Carlos no Preguntoiro. E.B
Juan Carlos no Preguntoiro. E.B

A día de hoxe, as frontes de batalla para os artistas da rúa son múltiples. Artistas son non só os músicos senón os fotógrafos, pintores ou mimos que ateigan as rúas da zona vella cando sae o sol. Para uns, as súas actividades danlle vida á cidade e para outros estorban e entorpecen a vida cotiá da capital cultural.

Nos últimos anos as asociacións veciñais en contra do ruído e as normas reguladoras cada vez máis estritas decretadas polo Concello de Santiago de Compostela, veñen complicando paulatinamente as actividades dos artistas. Hai varios puntos de vista enfrontados: os artistas profesionais, os hippies de “a rúa é de todos”, asociacións a prol do silencio e a tranquilidade e a posición do axuntamento cuxas restricións acrecentan máis o descontento dos primeiros.

O nacemento de colectivos e agrupacións para defendelos dereitos dos artistas agoiran un cambio por parte da administración xa que demostran a persistencia dos profesionais na defensa do seu traballo. Para isto, é necesaria a implicación activa da sociedade no apoio e a defensa da cultura compostelá que é posesión de ningún e dereito de todos.

 Elsa Barreiros

Deixar un comentario