Arquivo da etiqueta: proxectos

Arquitectura para a cidadanía

> O colectivo 1AUN é unha asociación de arquitectos que afonda no coñecemento do territorio e na súa divulgación

> Realizan proxectos e actividades atendendo tanto á dimensión física como social do medio habitado

Por Beatriz Yáñez

A participación cidadá e a acción colectiva son dous piares nos que tamén se pode fixar a disciplina da arquitectura e do urbanismo. Non só chega con ocupar e habitar unha cidade, senón que tamén se debe abrir a porta á reflexión e a xerar debate con carácter crítico dentro da sociedade arredor do lugar no que se habita. Estas son algunhas das ideas que se traballan dentro do Colectivo 1AUN, formado por seis xoves arquitectos que buscan afondar no coñecemento do territorio e na súa divulgación.

A iniciativa naceu no ano 2011 cando aínda eran estudantes na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Todos tiñan numerosas inquedanzas sobre o territorio galego dende unha perspectiva social, crían que quedara un oco baleiro dentro do plan de estudos da facultade e decidiron constituírse como asociación sen ánimo de lucro para realizar diferentes investigacións. O primeiro proxecto que levaron a cabo foi o de ‘Cidades Subxacentes: policentrismos urbanos en Galicia’, que incluía charlas e obradoiros na facultade, e que rematou coa publicación dun libro que recolle textos e experiencias que se viviron nestes eventos. O libro arranca con esta tese de partida: “existen en Galicia unha serie de conxuntos urbanos policéntricos formados por vilas que establecen entre elas múltiples relacións e sinerxías, e conforman espazos dinámicos cunha poboación cuantitativamente equiparable á de calquera cidade galega compacta de tamaño medio pero cuns vínculos co territorio máis diversos”.

Dende entón, este grupo de arquitectos e estudantes continúa organizando actividades e eventos centrados na comprensión e análise do medio habitado, atendendo tanto á dimensión física como social do mesmo. Así mesmo, tamén afonda no urbanismo máis complexo e capaz, onde todas as realidade e necesidades teñan cabida. O seguinte proxecto que emprenderon foi centrado na zona coruñesa do Ventorrillo, onde se propuxo a reactivación dunhas galerías comerciais, “entendéndoas como un espazo social que a xente necesitaba, a zona quedaba sen comercio local onde os veciños case non teñen onde mercar unha simple barra de pan”, exemplifica Valerio Rodríguez, un dos membros do colectivo.

Máis tarde propuxéronse facer ‘O límite da cidade’, unha indagación sobre os espazos que están ás aforas das urbes. “Buscábamos coñecer que é o que pasa nestes lugares onde hai unha situación intermedia entre a zona urbana e a zona rural na que a xente atopa oportunidade por estar, dalgún xeito, sen regulación”, explica Valerio. Todos os integrantes de 1AUN coinciden en que cando unha persoa pensa nunha cidade imaxínaa como un conxunto pechado e rematado pero “non é así e sobre todo en Galicia, as urbes son moi complexas e hai infraestruturas caóticas non planeadas, diversidade de usos para un mesmo espazo…hai unha riqueza que non se dá noutros lugares”, engade Roi García, arquitecto de 1AUN.

O seguinte dos seus obxectivos focalizouse no barrio Agra do Orzán, unha zona da Coruña cunha gran complexidade social, un déficit notable de espazo público e unha enorme riqueza de situacións e relacións. 1AUN buscou a implicación dos veciños e veciñas deste barrio para crear InstAGRA. “Empezamos co obxectivo de pescudar as sensacións que había alí e para iso falamos con outros colectivos e grupos fortes que hai neste barrio para que a xente se implicase máis e nos achegase fotografías históricas das rúas”, explica Valerio. Neste lugar residen moitos inmigrantes e persoas que proceden doutras zonas de Galicia, “hai que ter en conta que Agra do Orzán non existía hai corenta anos, polo que todos os que alí viven son de fóra”, engaden. Neste traballo conseguiron realizar unha exposición de fotografías que se articulan arredor de cinco temáticas: memoria e identidade, actividades, espazo común e comercio.

Integrantes do colectivo 1AUN
Integrantes do colectivo 1AUN

Máis tarde puxeron a andar un traballo sobre o rural actual en Galicia. Trátase dunha investigación da que veñen de falar en Málaga e que indaga sobre os modos de vida que hai nesta comunidade. “Fixámonos nas distintas maneiras que hai de habitar o espazo, é dicir, se a xente vive e traballa no mesmo sitio, se só vive e vai traballar a outra vila, se durante a semana reside nunha localidade e as fins de semana vai á aldea…xogamos con catro parámetros e tratamos de entender cada un dos lugares”, expón Valerio.  Neste proxecto abórdase a análise da evolución histórica das formas, atendendo a factores como os cambios demográficos, socioeconómicos, técnicos ou lexislativos. “Factores que ao noso entender deixaron a súa pegada sobre as formas territoriais e de cuxo estudo se poderá extraer un mellor coñecemento da situación actual, coa ambición de poder achegar propostas concretas e útiles para ao futuro”, aseveran.

Por outra banda, 1AUN atópase inmerso no proxecto europeo Agra-Civis, que tamén se desenvolve en Agra do Orzán e que inclúe no seu traballo a diversas asociacións e colectivos que operan nesta zona. O principal obxectivo é levar a cabo un mapeado comunitario do barrio e fomentar a participación cidadá nos procesos de transformación da cidade. “Trátase de facer urbanismo ao revés, onde os propios habitantes reflexionan sobre a súa realidade en conxunto e expoñen as súas necesidades, xa que non é o mesmo a percepción dunha muller inmigrante senegalesa ca a dun rapaz adolescente nativo da Coruña, e ambos residen no mesmo sitio”, engade Roi García.

Na actualidade acaban de abrir ao público a exposición fotográfica Escolas Labaca, que se pode visitar nas inmediacións do centro ata o vindeiro día 28 de maio de 17.00 a 19.00 horas na rúa coruñesa Juan Flórez. Co gallo do centenario da escola fíxose unha indagación coa xente que pasou durante estes anos polo colexio e, desta forma, poder ver os cambios que sufriu a cidade dende entón. “Ese barrio viuse afectado pola apertura das grandes avenidas e mudou moito nestes anos”, explica David Río. Así mesmo, grazas a que hai diversas capas de entendemento nesta exposición, tamén se poden percibir os cambios que sufriu o centro educativo e as cuestións sociais que foron mudando de xeración en xeración.

Como o fan?

O conxunto de actividades que desenvolve o colectivo teñen en común a utilización de diferentes soportes. Normalmente adoitan comezar facendo unha exposición de fotografías que achegan os cidadáns do espazo en concreto obxecto de estudo. Logo expóñenas nun lugar público para que todas aquelas persoas interesadas se acheguen a velas e a reflexionar sobre o tema e, posteriormente, fixan unha data para a realización dun debate aberto arredor destas cuestións.

Normalmente traballan con persoas doutras disciplinas, como é o caso de sociólogos, unha figura que está presente na maioría das súas actividades. Desta maneira incorporan metodoloxías propias da investigación social que se adaptan ás necesidades de cada un dos proxectos a desenvolver.

Como se implican os cidadáns neste tipo de proxectos?

A participación dos veciños e veciñas en todos os traballos que levan realizados resultou ser moi importante. Por iso, “sempre comezamos pedíndolle á xente material porque despois sempre se preocupa máis de coñecer aquelas fotografías que achegaron os demais e atópanse máis motivados porque ven a exposición como algo propio”, comenta David Río, outro dos rapaces do colectivo.

Para conseguir o máximo número de material (na maioría dos casos adoitan ser fotografías), falan con outros colectivos ou colocan carteis para facerlle chegar ás persoas cal é a maneira que teñen de colaborar.

O social e a arquitectura

Na actualidade, os plans urbanísticos elabóranse case sen contar coa presenza cidadá. “A regulación di que hai que expoñelos durante uns días en certos puntos públicos por se alguén quere presentar alegacións e, ademais, debe publicarse en tres xornais de tirada galega”, explica Valerio González. Esta é a maneira regulada de inclusión da participación dos cidadáns, “algo que está bastante lonxe da idea de contar coa opinión da xente, estase a perder unha cantidade enorme de información por non anticiparse e falar cos veciños e veciñas, que son quen poden advertir das súas necesidades e de futuros problemas que poidan aparecer”, engade González.