Arquivo da etiqueta: drogodependentes

“Sei que cando eu non estea Érguete seguirá funcionando”, Carmen Avendaño

A fundación contra as drogas cumpre 30 anos e a súa co-fundadora fai un balance positivo

Por Tamara Novoa

Carmen Avendaño ten a mirada cansa, as enrugas da súa faciana son mostra dos anos de loita continua por conseguir que se fixera xustiza contra os narcos galegos e por defender a dignidade dos drogodependentes. Fai trinta anos naceu Érguete da man de Avendaño e un puñado de nais que fundaban a asociación alertadas polo que lle estaba a acontecer á xeración dos seus fillos.  Estaban sendo vítimas da heroína, unha lacra que atizou con dureza a costa galega e en concreto a cidade de Vigo. Elas fixéronlle fronte. Partiron dende o máis profundo descoñecemento e conseguiron desmantelar unha lucrativa rede, antes de que Galicia se convertera nunha segunda Sicilia. Cando Carmen comeza a falar o brillo volta aos seus ollos.  Así como vai rememorando os logros que foron acadando o xesto duro e combativo apodérase do seu rostro. Agora que xa non está en primeira liña de batalla, asegura que máis pronto que tarde deixará Érguete. Sen embargo, vaise tranquila porque a fundación xa non a precisa para continuar a súa labor. Ese é o seu mellor legado.

Carmen Avendaño fundou Érguete xunto con outras nais viguesas. / T.Novoa

Como te decataches de que o teu fillo era drogodependente?

A verdade é que non me din conta. Eu colaboraba coa Asociación de Veciños do meu barrio que era Lavadores e comecei a percibir un gran problema, aínda que non o sabía identificar naquel entonces. No caso do meu fillo, díxomo el e pediume axuda. Desgraciadamente polo meu descoñecemento e pola falta de recursos pouca axuda lle puiden dar.

En que momento dáste conta que están sendo vítimas dun negocio tan lucrativo?

Estaban destruíndo a toda unha xeración, estaba claro que tiña que haber uns intereses económicos agochados atrás. Nós tiñamos a desconfianza de que xente que antes se adicaba ao contrabando estaba a reconverterse. Nun principio traían pequenos cargamentos de heroína e marihuana do norte de Portugal, así que puxemos aí o punto de mira e comezamos a traballar dende o descoñecemento máis absoluto. Quixemos facer un chamamento á sociedade de que efectivamente o problema era grande, había uns intereses económicos e había xente que estaba forxando un patrimonio e ninguén lles pedía contas. Había empresas que se empregaban como branqueo de diñeiro, había bancos que tiña como moi bos clientes a esa xentuza e aí comezamos a falar en alto dirixindo os dardos cara onde criamos que estaban os culpables.

Foi difícil concienciar á sociedade para que non dese de costas a eses mozos que caeran na droga?

Ao principio era todo difícil porque era partir de cero. A min tocoume sempre ser a portavoz do que queriamos manifestar. Tiñamos que dar unha explicación a esas escenas violentas que se repetían nas rúas da nosa cidade e que a sociedade non era capaz de entender. Nós intentamos darlle unha resposta e debemos facelo moi ben, porque a partir dese momento non deixaron de apoiarnos tanto os veciños como os partidos políticos ou os xuíces. Todo o mundo comezou a pór un pouquiño da súa parte. Nese espazo de tempo moitos dos nosos fillos estaban na cadea e moitos outros morreron.

Hoxe en día, continuase marxinando aos drogodependentes?

Nós sempre defendemos que os drogodependentes non son delincuentes, son enfermos. Foi difícil facer callar esta mensaxe porque a meirande parte da sociedade quedábase na parte superficial, facendo pagar a estes mozos que estaban a ser vítimas e sen embargo os de abaixo tiñan cada vez máis poder. Foi unha loita moi difícil pero creo que a xente agora enténdeo mellor. Os drogodependentes de aqueles anos foron os ratonciños de experimento que tivemos todos, aprendemos a costa deles.

Como mudou a situación da década dos 80 á actualidade?

Houbo importantes actuacións xudiciais, fixéronse políticas concretas e hai unha maior aceptación social así que podemos dicir que a situación mellorou.  Pero é certo que o consumo de drogas continua sendo un problema, aínda que é moito menos visual. Primeiro porque os hábitos no consumo mudaron e segundo porque temos moitos máis recursos para atallalo, sempre e cando exista vontade por parte da persoa tratada.

O Alcohol está moi desmitificado e é o portalón de entrada ás drogas

Que falla para que a xuventude continúe enganchándose?

Eu creo que o que falla na xuventude é que son xoves. A mocidade é curiosa, quere experimentar, pero no fondo eu creo que é máis consciente do que fai. Un dos problemas é que o alcohol está moi desmitificado e é unha droga moi dura e moitos rapaces comezan así. Pero unha das cousas que mudaron é que fai 10 ou 12 anos un rapaz enganchábase e non sabía onde ir, agora están moito mellor informados e saben que facer. Ademais en xeral os rapaces piden papas antes.

Que mensaxe lle mandarías a xente nova?

Animo aos mozos a que pensen que divertirse supón facer deporte, relacionarse con compañeiros pero non necesariamente consumir substancias para pasalo ben.

Pechar o local de Sereos foi un erro. Non se trata de escondelos, trátase de integralos.

Fai ano e medio que se pechou o local de Sereos en Elduayen foi un intento do Alcalde de Vigo por ‘limpar’ o centro da cidade?

Foi un error do alcalde ante a presión de señores que teñen negocios e bares no entorno. Señores que por certo despois non teñen ningún escrúpulo en vender alcohol aos mozos. Empregaron o argumento de que daban mala imaxe e o problema non se resolveu porque as persoas afectadas seguen estando no mesmo sitio, a Praza da Princesa é o lugar de concentración de todos eles. O local de Elduayen estaba moi ben ubicado, non había incidencias. Eles forman parte da sociedade como formamos nós, non se trata de escondelos trátase de ver o que podemos facer para tratar de integralos. Agora temos en funcionamento un autobús moi digno e moi caro que paga o Concello no que continuamos prestando o servizo, é o idóneo? non. É temos a promesa do actual alcalde de que si gaña vamos a ter o local onde tiñamos que telo.

Cales son as limitacións do autobús?

É grande, ten mesas, barra e un aseo. Está ben pero non é o sitio idóneo e ademais é moi caro, a cidadanía tampouco ten porque ter ese gasto. O que queremos é un local amplo, un local de ocio que sirva tamén para dar unha charla, facer debates para expor os problemas que eles teñen e ver cal é o camiño para axudarlles.

Vostede que foi edil polo PSOE no Concello de Vigo, como valora a actuación da actual corporación?

Xamais tivo Vigo un alcalde tan preocupado polos temas sociais como este, o cubre todo. É suficiente? non, haberá que facer máis cousas pero a sensibilidade que ten este alcalde poucos en España a teñen. Triplicáronse os presupostos sociais con esta corporación. Por suposto hai aspectos criticables pero nos temas sociais e un concello dos máis destacados.

Algunha medida concreta do concello que favorecera ao colectivo drogodependete?

O Plan de Drogas de Galicia depende da Xunta de Galicia, a Vigo destinan non máis do 10% do presuposto total o resto o pon o Concello. Dende a Xunta estase discriminando a cidade. Non se ten en conta a demanda que hai dese servizo nesta área. O diñeiro que percibe Vigo é moi inferior ao de A Coruña u outras cidades. Se o Concello no tivese que correr con estes gastos podería destinar ese diñeiro a outros proxectos que temos en marcha.

IMG_7514
Co movemento asociativo consegueron que Galicia non se convertese nunha segunda Sicilia. / T.Novoa

Cal é a situación actual do narcotráfico en Galicia?

O tráfico de drogas continúa existindo pero rompeuse con aquela dinámica que tiñamos de organizacións moi estruturadas, familiares, violentas e cerradas.  Rachouse con aquela sociedade silenciada que estaba en risco de se converter nunha segunda Sicilia. Acabamos con iso a través da conciencia do movemento asociativo.

O movemento que comezáchedes vós desencadeu na coñecida como Operación Nécora e o encarceramento dalgúns narcos. Foi reconfortante?

No día que leron a sentenza en Madrid preguntáronme como me sentía e eu dixen ‘todos os que están son e moitos que faltan’, o tempo deume a razón porque foron caendo máis adiante. Foi unha porta que se abriu, decepcionante ao principio polo resultado porque non era o que pretendiamos, pero que o final si tivo e ten unhas consecuencias importantes o que da lugar a que as organizacións non poidan estar activas a nivel local como estaban ao comezo.

Pedimos que as regras sexan as mesmas para Miñanco e un drogodependente

No mes de abril concedéuselle a Sito Miñanco  o segundo grado, que sentiches?

Non sentín nada, eu son unha persoa que trato de respectar a lei. Sito Miñanco cumpriu as tres cuartas partes da súa condena. Recoñezo que non lle teño ningunha simpatía, é máis, paréceme un dos personaxes máis perigosos xunto con Charlín que existen en Galicia, pero el está no seu dereito. Agora ben, si teño que facer críticas a dirección xeral penitenciaria porque a calquera dos nosos rapaces póñenlle moitas trabas para concederlle o segundo grado. Nós estamos esixindo que todos os requirimentos que se lles esixe aos nosos rapaces se lle pidan tamén a Miñanco.

Despois de tantos anos de loita, nunca pensaches en deixalo?

Tantas veces. Debín pensalo máis de cincocentas veces e agora mesmo reiteróo, deixareino cedo porque non me encontro ben fisicamente. De tódalas maneiras xa non veño moito, temos profesionais moi bos tanto na asociación como na fundación que levan o día a día dunha maneira exemplar. Estou segura de que cando eu non estea aquí a fundación e a asociación seguirán adiante.

Despois destes 30 anos de Érguete con que te quedas?

Cousas puntuais, o outro día no campo de fútbol un rapaz quería falar comigo. No descanso achegueime onde el e tratábase dun chico que facía 28 anos que non vía, que estivo fatal. Agora é o director xerente dunha gran empresa e ten fillos de 22 e 23 anos. Ao vernos abrazoume chorou e eu o mesmo. Esas pequenas cousas gratifícanche xa que ves que dalgunha maneira contribuímos a que saísen.

Que tal están os teus fillos?

Jaime tivo un derrame cerebral no seu paso pola cadea, estivo moi grave en coma, pero agora está ben. Ten perda de memoria, pero non consume alcohol nin drogas, vive en familia ten un fillo e está ben. E Abel tamén xa fai tempo que deixou as drogas pero agora localizóuselle un cancro e teñen que operalo. Pero non morreron, sobreviviron a moitos outros que quedaron polo camiño.

Os salvaches.

Non, non os salvei eu, foron as circunstancias. Houbo familias que pelexaron aínda moito máis que min e non o lograron. É unha historia de coincidencias os meus fillos nunca foron seropositivos, eu teño que estar agradecida.